Posts Tagged ‘transición’

Anecdótica

Xoves, Maio 14th, 2009

Teño que apuntar para non esquecer, e faise moi longo para explicalo no twitter. Cine, España, últimos anos do franquismo, período 1969-1973 cun xiro do réxime a un ultraconservadurismo que se aplica á censura no cinema, esténdense as ‘dobles versións’ (dúas versións dun mesmo filme, un enteiro e outro censurando todo o impúdico e o que atente aos valores da Nación, a versión censurada era para consumo interior, e a outra para exhibir no estranxeiro). Ata aí o contexto.

Pois é aquí que hai, no 1971, un filme de Rafael Moreno Alba chamado Las Melancólicas, un filme non precisamente de calidade que vai dun psiquiátrico femenino no séc. XIX. Conflito: na rodaxe hai espidos. Bastantes. Que fan no departamento estatal de cinema? Pois facer a doble versión: un filme cos espidos para mandar a USA, Canadá e Francia, e outro con todos os espidos desaparecidos (coma a pitada ao himno de España na TVE na final da Copa de El-Rey).

Agora: a desaparecida compostelana Sala Yago adquire unha copia do filme para a súa exhibición, poñamos que un 15 de maio, por exemplo. Todo normal.

Poñamos que o réxime, na súa torpeza, envía a varias salas do estado as copias non censuradas de Las Melancólicas. Entre elas a Sala Yago. Os asistentes, a pesar de ser o filme un pedrolo, quedan incriblemente satisfeitos coa proxección (recordemos que nesta época e nesta parte do mundo non se ensinaba máis alá do xeonllo: ver a varias tolas espidas e meneándose freneticamente era… cando menos impresionante).

Se a estrea foi o 15, o día 17 vai ao cine toda a comarca de Compostela e arredores. En masa. Ala.

O día 18 flétanse autobuses dende toda GZ para ir á Sala Yago de Compostela ver o filme.

En días consecutivos comeza a vir xente de Zamora, Asturias (máis alá do telón de grelos, vaia). Os xornais fanse eco de que Compostela sofre unha chegada de ‘pelegríns’ de proporcións históricas, ateigando a cidade. Todo por tetas.

E ata aí o conto. Non sei máis, hei mirar de informarme. Se algún de vós, picheleiro, ten entre 50-60 anos e se enterou de tal cousa, ou de fóra, ou coñece alguén, que me avise, que quero saber máis disto.