Anotacións etiquetadas: ‘flores’

Sumidoiros e crisantemos

xoves, abril 9th, 2009

A media tarde convencín a un compañeiro, lector habitual de Chuza! pero sen participar da comunidade, para que se rexistrara na páxina, e mentres el realizaba o rexistro, rastrexei un anaco uns cantos xornais para poñerlle en bandexa unha nova que puidera chuzar, e así desvirgarse e expoñerse ás ducias de trolls e talibáns que habitamos a rede social.
Basta que non andes mirando polas cousas para que che aparezan diante dos fuciños: en La Vanguardia atopei un artigo sobre un movemento urbano en Barcelona formado por ambientalistas.

“Plantan flores en las alcantarillas para pedir más espacios verdes”

Do sábado 4 ao domingo 5 de abril (hai nada, vaia), os barceloneses espertan cunha sorpresa especial: as tapas dalgunhas alcantarillas deslocadas e no seu lugar agroman prantas; o mesmo se repite noutros edículos da cidade e en contedores de lixo. Así de primeiras xa é chocante a contradición estética que hai entre os sumidoiros e as rosas e crisantemos, pero o efecto é moi colorido e chama a atención, que para o caso, é o que interesa.

A xentiña que responde pola “naturalización” de Barcelona é un grupo popular denominado SubCity, e non é a súa primeira actuación. No blogue da campaña, a modo de manifesto, preséntanse os obxectivos da campaña e o concepto da intervención: simplificando moito, é unha protesta pola carencia de espazos verdes na cidade; pero profundizando, entenden os espazos verdes non dende unha perspectiva urbanística, senón social, a burocracia non entende da relación que crea a xente cos parques e entre eles cos parques: non é unha obra arquitectónica, é un lugar no que se vive (isto é moi significativo por ser unha crítica directa a eses parques urbanos deseñados por arquitectos de prestixio, que como o seu propio nome indica, son arquitectos, especializados en traballar estruturas, e a natureza para eles é subsidiaria e un simple complemento estético).

A que vén que saian prantas dos sumidoiros? O concepto da campaña é que a natureza existe nas nosas terras, e dado que as cidades se constrúen sobre elas, non permiten o crecemento da mesma.

Realmente non é ningunha novidade este conto de reivindicar a natureza, sobre todo nas vilas e cidades, a tendencia é a transmitir un respeto pola natureza, saen filmes, campañas institucionais e privadas, movementos sociais ambientalistas… (e o sentimento xeral que eu percibo é de conciencia ambiental, aínda que animaliños, hainos en todas partes); pero si é interesante o que hai aquí de defensa local, con poucas mans, con ideas orixinais, e incluso cun sentido moi estético. Se cada un barre diante da porta da súa casa, a cidade estará limpa, como se dicía antes por aí.

Falando de animaliños, colo tres comentarios que lin na mesma nova de La Vanguardia na que me enterei do tema: “Aunque creo que la iniciativa es de lo mas loable y bienintencionada, de properar seria un problema para la seguridad y funcionamiento del alcantarillado.“, “Muy bonito pero, cuando llueva y se inunden las calles porque las alcantarillas están llenas de flores y tierra, ¿qué?” e “Quina parida!“. Cada certo tempo, sorpréndome coma o primeiro día lendo comentarios que escribe a xente ao longo das internetes, e na miña cabeza non consigo comprender qué estraño virus se transmite a través do ADSL para que a xente perda o sentidiño de forma tan traxicómica.