Posts Tagged ‘españa’

Anecdótica

Xoves, Maio 14th, 2009

Teño que apuntar para non esquecer, e faise moi longo para explicalo no twitter. Cine, España, últimos anos do franquismo, período 1969-1973 cun xiro do réxime a un ultraconservadurismo que se aplica á censura no cinema, esténdense as ‘dobles versións’ (dúas versións dun mesmo filme, un enteiro e outro censurando todo o impúdico e o que atente aos valores da Nación, a versión censurada era para consumo interior, e a outra para exhibir no estranxeiro). Ata aí o contexto.

Pois é aquí que hai, no 1971, un filme de Rafael Moreno Alba chamado Las Melancólicas, un filme non precisamente de calidade que vai dun psiquiátrico femenino no séc. XIX. Conflito: na rodaxe hai espidos. Bastantes. Que fan no departamento estatal de cinema? Pois facer a doble versión: un filme cos espidos para mandar a USA, Canadá e Francia, e outro con todos os espidos desaparecidos (coma a pitada ao himno de España na TVE na final da Copa de El-Rey).

Agora: a desaparecida compostelana Sala Yago adquire unha copia do filme para a súa exhibición, poñamos que un 15 de maio, por exemplo. Todo normal.

Poñamos que o réxime, na súa torpeza, envía a varias salas do estado as copias non censuradas de Las Melancólicas. Entre elas a Sala Yago. Os asistentes, a pesar de ser o filme un pedrolo, quedan incriblemente satisfeitos coa proxección (recordemos que nesta época e nesta parte do mundo non se ensinaba máis alá do xeonllo: ver a varias tolas espidas e meneándose freneticamente era… cando menos impresionante).

Se a estrea foi o 15, o día 17 vai ao cine toda a comarca de Compostela e arredores. En masa. Ala.

O día 18 flétanse autobuses dende toda GZ para ir á Sala Yago de Compostela ver o filme.

En días consecutivos comeza a vir xente de Zamora, Asturias (máis alá do telón de grelos, vaia). Os xornais fanse eco de que Compostela sofre unha chegada de ‘pelegríns’ de proporcións históricas, ateigando a cidade. Todo por tetas.

E ata aí o conto. Non sei máis, hei mirar de informarme. Se algún de vós, picheleiro, ten entre 50-60 anos e se enterou de tal cousa, ou de fóra, ou coñece alguén, que me avise, que quero saber máis disto.

Un par de gráficas non fan dano

Martes, Xaneiro 6th, 2009

Baseada na anterior… (vía Reddit) chega a nosa versión (eu máis Turonio somos os responsables pero non nos facemos responsables), just 4 fun, que non se alporice ninguén. Aprécianse os aportes e engadidos, porque meus amigos… isto pódese mellorar e ser aínda máis irreverente. (Premer na imaxe para ver máis grande).

Actualización 11/01/09: cambio a Cañita Brava e poño a Xosé Ramón Gayoso (impresionante como nos bacilou a todos anunciando a súa marcha), e poño viño no centro, sustituíndo o kalimotxo, por clamor popular. A versión primixenia pódese ver aquí.

Actualización 14/01/09: cambio ‘AVE’ por ‘TAV’ no sector compartido por Catalunya e España logo de ler este post de Turonio.

Fragmentando o medalleiro

Domingo, Agosto 24th, 2008

A delegación española volve dos Xogos Olímpicos de Beijing 2008 co número máis alto de metais dende Barcelona ’92, acumulando 18. Agora ben, imos facer un exercicio imaxinativo e repartir estas medallas segundo correspondan ás nacións periféricas que queremos seleccións nacionais: Galiza, Euskadi (deixo para máis adiante Euskal Herria), Catalunya, Illes Balears e Valencia (separo os Països Catalans, basicamente por comodidade). Polo tanto:

Galiza ten as dúas pratas de David Cal en piragüismo (500 e 1000m.), o ouro de Fernando Echávarri e Antón Paz en Vela clase Tornado, e o ouro de Carlos Pérez en piragüismo por parellas (compartido co catalán Craviotto, así que contabilizo 0.5 ouro para cada un). Galiza: 1.5 ouro e 2 pratas.

Catalunya ten o medio ouro de Craviotto do que falaba antes, e dúas pratas: unha de Gervasio Deferr, e a outra da parella Fuentes/Mengual en natación sincronizada. Mención especial ás seleccións de hockey e balonmán (a.k.a. handebol) que son case na súa totalidade catalanas, máis como algún mesetario hai, convén ser apropiados e darlle a medalla a España como selección escollida en todo o estado; nos grupos xa non considero dividir os metais coma coas parellas porque moitos decimais quedan algo mal… Catalunya: 0.5 ouro e 2 pratas.

Euskadi ten a prata da parella Martínez de Lizarduy/Fernández en vela e o bronce de Leire Olaberria en ciclismo. Euskadi: 1 prata e 1 bronce.

As Illes Balears teñen o ouro de Rafa Nadal e o de Joan Llaneras en ciclismo, e unha prata en ciclismo por parellas de Llaneras/Tauler; e Valencia unha prata conseguida en tenis dobles cunha parella madrileña acompañando a Anabel Medina Garrigues. Illes Balears: 2 ouros, 1 prata. Valencia: 0.5 prata. Isto vén a dicir que os Països Catalans terían 2.5 ouros e 3.5 pratas.

España, restando as nacións anteriores, quedaría co ouro en ciclismo de Samuel Sánchez, o bronce de Abajo en esgrima e a prata que deixamos antes no tenis dobles feminino, de Virginia Ruano. Ademáis disto, como seleccións estatais, contabilizamos como victorias españolas o ouro en baloncesto, as pratas en hockey e natación sincronizada e o bronce en balonmán. España: 2 ouros, 2.5 pratas e 2 bronces.

O medalleiro en total son 18 metais, España leva 6.5 e as nacións sen estado en España levan 11.5.

Isto non é máis que outro motivo para reivindicar as nosas seleccións nacionais.