Posts Tagged ‘cineuropa’

Xurado twitteiro do Cineuropa

Luns, Decembro 7th, 2009

Esta lista é o que sae de xuntar todos os tweets baixo o tag cineuropa que se ían poñendo durante o festival. Saen por aquí Tawil, ifrit, carapucha, dani_elo máis un servidor. A nota media á dereita. Nótese como varía respecto á votación oficial do Cineuropa.

Cineuropa 15/160

Luns, Novembro 2nd, 2009

Basicamente trátase de facer un exercicio de escoller 15 filmes que me parezan salientables do festival Cineuropa deste ano e que teña pensado ir ver. Probablemente esta anotación perda todo sentido unha vez pasado o festival, cando queda claro que os filmes destacables moitas veces saen dos descoñecidos. Ou non, xa se verá.

Indo por partes e comezando pola máis importante, a Sección Oficial:

Kynodontas

Das Weisse Band – Michael Haneke (Austria): porque gañou a Palme d’Or do festival de Cannes. Punto.

Kynodontas G. Lanthimos (Grecia): porque saíu ben parada de Cannes. Pero máis porque din dela que é un filme con argumento un tanto estraño, cun pai que enclaustra aos fillos na casa sen contacto exterior, e que resolve dun xeito algo problemático o tema do espertar sexual adolescente. Catro palabras: sexo, criada, Rocky, incesto.

Aquele Querido Mês de Agosto – Miguel Gomes (Portugal): só polo ben que fala Pawley dela.

Tres Díes Amb la FamíliaMar Coll (Catalunya): porque é unha da sección Novísimos dentro da oficial, porque é un relato de costumes e porque sempre está ben descubrir a unha directora cando comeza. Ademáis ten boa crítica, vaia iso por diante.

Elevator – G. Dorobantu, e Pescuit SportivAdrian Sitaru (Romanía): por situación, neste ano no que non hai presenza de cinema italiano nin escandinavo (salvando unha norueguesa) algo haberá que preocuparse polo cinema emerxente europeu sen ser UK e Francia, e aquí está Romanía, que nestes tempos está facendo cousas moi boas, filmes dos que se fala bastante e moito. Estas dúas pezas veñen avaladas con premios polos catro costados.

Na sección Panorama Internacional, 3 filmiños:

Mal Día para PescarÁlvaro Brechner (Uruguai): dous buscavidas e cambios bruscos no relato dos acontecementos. Comedia e drama. Ninguén fala mal dela, e vén de Uruguai, que é un sitio que trouxo cousas boas ao Cineuropa, sempre cun presuposto baixiño, o que sube o mérito.

Frozen River – Courtney Hunt (USA): desta falo con coñecemento, que xa a teño visto. Do bo que podes esperar da escea independente americana, conflito familiar, tensión e problemática social, ben contado e ben tratado, a protagonista ten un papelón. Ademáis vén avalada polo festival de Sundance, así que ten xustificación abonda.

50 Dead Man WalkingKari Skogland (UK): porque os filmes que tratan os conflitos políticos de Irlanda, por defecto son todos ben feitos, cousa que non se ve aquí coa Guerra Civil, que temos filmes a patadas que son cartos gastados. Logo dos puntos de vista de Michael Collins, En el Nombre del Padre, Bloody Sunday ou Omagh, aquí dase vida á biografía de Martin McGartland, un confidente británico que cumple a súa función ata que finalmente pasa a vida agochado fuxindo do IRA, que descubre a súa identidade.

Da sección Mundo Asia, a que mellores xoias me ten presentado:

Ddongpari (Breathless) – Yang Ik-June (Corea do Sul): un drama, unha historia da violencia. Un gángster criado en pura violencia reacciona agresivamente á sociedade que o rodea. Logo aparece unha rapaza que ten a brutalidade da súa familia gravada tamén nas costas e que é quen de entenderse co prota. E finalmente o irmán da rapaza entra no grupo mafioso do primeiro, e temos armado o filme. Non teño nada máis desta peza se non é por un palmarés amplo de festivais, pero eu espero atopar algo semellante e Chan-wook Park (Old-Boy, Sympathy for Lady Vengeance).

Tôkyô SonataKiyoshi Kurosawa (Xapón): un retrato de familia. O pai perde o traballo e ocúltao, o fillo maior apenas pisa a casa, o menor toma clases de piano ás agochadas -e dáselle ben-, e a nai non sabe como tirar para adiante. Os medios os xustos e o ensinado o necesario. O Claro de Luna de Debussy, o clímax.

A Love ExposureSion Sono (Xapón): algo ten que ter unha comedia cun argumento aparentemente xuvenil e cunha duración de 237 minutos (cousa que normalmente é un punto en contra a non ser que te chames Bergman e fagas Fanny & Alexander) para que teña tal número de boas críticas coma as que lin desta peza. En proporción, demasiadas, intrígame de veras.

Das outras seccións só recollo un filme da Conexión Buenos Aires, outro do ciclo de Takeshi Kitano e outro da Fantastique:

Synecdoche, New York – Charlie Kaufman (USA): o prota fai unha réplica de NYC a tamaño real nun almacén, ten que se un tipo curioso. Teatro. E se nas descricións que fan do filme inclúen referencia a Escher, queda todo dito.

Achilles to kame (Aquiles e a tartaruga) – Takeshi Kitano (Xapón): eternamente coñecido por ser o director de Humor Amarillo, Kitano é un xenio polifacético infravalorado no seu Xapón e non cansa de representalo nos seus filmes. Aquí: témolo nos ollo dun artista mediocre que nos ensina as glorias, absurcedes, frivolidades e mentiras do mundo da arte. A moralexa reafirmada dende o comezo é que cada un ten que persistir no que lle gusta, aínda que non sexa aclamado polos entendidos.

La NanaSebastián Silva (Chile) – filme gañador do premio do xurado World Cinema do festival de Sundance. Punto.

Esta lista de 15/160 non ten que coincidir -raro que o fixera- coa de ninguén, é a miña forma de deixar constancia do que penso antes do festival para logo comentar o que penso despois do festival e observar cambios. Cambios que espero que haxa, porque senón sería unha perda de tempo asistir ao Cineuropa. E a escudriñar o programa, que ha de haber algunhas incompatibilidades horarias, e moi probablemente deixe de ver algunhas destas -a priori-. Máis cousas: o ciclo adicado aos Beatles ten tamén moi boa pinta, pero non o considerei aquí, por non ser filmes actuais; tampouco a Noite Crebinsky ou o Concerto da sala Capitol: quedan como complementos xeitosos. Sobre todo: os dous filmes adicados a Ryuichi Sakamoto, un home que che cambia un filme só coa súa música. E a maratón, polos filmes que poñen este ano, extrapolo que o tema é o terror, pero con matices, que aí vai estar Antichrist de Lars von Trier ou un filme que choca só polo título: Lesbian Vampire Killers.

Vémonos nas salas.

De Cineuropa ’08

Venres, Decembro 5th, 2008

Saquei mellores cousas que o ano pasado. Non pisei a sección Panorama Galiza (que eran 100 filmes, pero algo hai que dicir de cómo se exiliou esta sección do resto do festival levándoa á Arteria Noroeste ou á Sede da Fundación Caixa Galicia), aínda que me pesou non ir ver Pradolongo nin ¡Maldito Bastardo!. Non vin a gañadora da sección Oficial “Hanami” (Cerdeiras en Flor), aínda que tamén quería ir vela. Non fun á maratón, aínda que prefería ter ido se puidera… (a non perder as críticas de diegoespeto da maratón en twitter). Por unhas cousas ou outras non vin varios filmes aos que dicía antes do festival que pensaba ir: “A noite que deixou de chover“, “Gomorra“, “Üç Maymum (Three Monkeys)“, “Pandoranin Kutusu (Pandora’s Box)“, “Saint-Jacques… La Mecque (Peregrinos)“, na Sección Oficial; na sección Panorama Internacional: “Waltz with Bashir (Valse con Bashir), “Leonera, “Omaret Yacoubian (O edificio Yacobián), e “Satanás (perfil de un asesino). Das outras seccións (Documental, Música, Olivier Assayas, Pablo Trapero, Guy Maddin, Fantastic Compostela…) non teño queixa, estou especialmente orgulloso de Mundo Asia, no que vin 5 dos 8 filmes asiáticos proxectados e dos cales saín feliz de todos.

Non vou comentar especialmente ningún dos filmes que si vin porque xa fixen un seguimento en 140 caracteres (que é ben difícil, por certo) de cada unha na miña conta de twitter: “JCVD“, “Entre les Murs“, “Estómago“, “Encounters at the End of the World“, “Aleksandra“, “Breath (Alento)“, “Aruitemo, Aruitemo (Still Walking)“, “Os Limoeiros“, “Die Welle (A Onda)” (segundo posto na sección oficial), “Nacido y Criado“, “With a Girl of Black Soil“, “Mongol“, “Calle Santa Fe“, “Blindness“, “Zuo Yuo (In Love We Trust)“, “Il Divo“, “Let the Right One In” e “Flammen & Citronen“. Pero de todas estas recomendo ver, encarecidamente, e por esta orde de importancia: “Die Welle”, “In Love We Trust”, “Il Divo”, “Still Walking” e “Estómago”, os cinco filmes que máis me gustaron de todo o festival (que vin).

As votacións: “Hanami” (8.3) gañou o premio do público na da Sección Oficial, e o segundo posto tamén recaeu nun filme alemán: “Die Welle” (8.2), se temos en conta que o ano pasado gañou o filme “Auf der Anderen Seite (Ao outro lado)” de Faith Akin, podemos observar que os filmes alemáns teñen un éxito indubidable no Cineuropa. Seguíndolle os pasos na Sección Oficial temos dous filmes franceses: “Il y a longtemps que je t’aime” cun 8.0, e “Comme les autres” cun 7.9. Na sección Panorama Internacional gaña Captain Abu Raed cun 8.5 seguido de Ha Buah (A burbulla) cun 8.4, o primeiro filme de orixe xordana e o segundo israelita; detrás destes títulos veñen outros filmes localizados en Oriente Próximo, así que temos que os espectadores de Cineuropa semella que empatizan cos alemáns e cos habitantes deste territorio a priori conflictivo, pero que sen embargo é un tema tocado simplemente coma paisaxe (que non evitado) da narración principal.

E ata novembro do ano que vén. A conclusión deste 2008 é positiva, se ben o Cineuropa adoece dunha organización ben feita no ámbito final do festival, o contacto co público (polo desaproveitamento das taquillas e o analfabetismo dos taquilleiros; polos cambios de programa a ultimísima hora; polos medios de reprodución: DVD`s e reprodutores que se bloquean na metade do filme.)

Deixo un vídeo co comezo do filme “Il Divo” de Paolo Sorrentino, que foi a proxeción sorpresa deste ano, sumamente impactante, e que leva a recordar a “outros” realizadores con só ver estes primeiros catro minutos.

[gv data=”FbZj2IE3slk” width=”425″ height=”350″][/gv]