Archive for the ‘Trebellos’ Category

Nin caso

Martes, Febreiro 2nd, 2010

image

Isto vén sendo un post para comprobar o ben que choia a aplicación oficial que wordpress acaba de sacar para Android, así que acabades de chegar aquí para nada. 😛

De paso tamén achego un par de fotos do paseo desta mañá polo Pedroso.

Filloas e comunicación

Sábado, Agosto 1st, 2009

E un señor que gusta de pintar óleos e facer banda deseñada vive nunha vila chamada Elko en Minnesota, e ten unha certa fama por uns cadros de Obama, espido, acompañado dun unicornio. A personaxe en cuestión chámase Dan Lacey.

'Health Care Reform', de Lacey, con Obama, House e Stalin simbolizando a visión da reforma sanitaria estadounidense.

A primeira relación de Lacey coas internetes vén do 2004, cando daba a vida a unha banda deseñada protagonizada por un rato chamado Faith (Fe), un oso, unha toupa liberal, un oso homosexual, o Papa, e un feto. De por si era bastante bizarro e logo de velo diría que bastante disperso. Lacey comprométese cunha ideoloxía antiabortista que lle consigue un apoio incondicional da dereita reaccionaria dos USA, ata que se desmarca e introduce unha serie de figuras pornográficas no comic, e perde o apoio da dereita, e coma el mesmo di, decepciónase. Logo disto, deixa o comic -aínda que non totalmente- e adícase a realizar unha serie de retratos que vende por eBay.

Neste momento Lacey bota man da actualidade e dos memes de internetes para coller inspiración, e será esta particulariedade a que o convirta en algo interesante: recolle a cultura popular e pásaa polo filtro da pintura, logo póna a disposición da xente en eBay, e listo, hai quen lle merque o seu traballo. O desencadeante é a homenaxe ao coello Oolong, que se convertira nun meme a través dunha fotografía que amosaba as súas capacidades para soster cun equilibro envexoso unha filloa sobre a cabeza:

Oolong facendo o seu.

O coello Oolong facendo o seu, pola man de Lacey.

Pintar filloas sobre a cabeza das cousas parece algo divertido, así que repite o proceso continuamente, sobre Susan Boyle, sobre McCain, incluso sobre o número Pi:

3,1415...

O seguinte paso xa son as pinturas de Obama espido acompañado do seu unicornio -chamado Penélope- en situacións de actualidade, por exemplo, presentando ao presidente tomando os mandos do avión que aterrou no río Hudson:

Obama e Lacey controlando o accidente no río Hudson.

Lendo a historia de Dan Lacey dende a súa banda deseñada Faithmouse ata os seus últimos traballos con Obama e o unicornio, percíbese tal derroche de bizarrismo, tolemia, pornografía, pop e carallada, que non se sabe se este señor é un desequilibrado ou un xenio, ou ambas as dúas cousas. Digno de ser citado nun artigo do New York Times. Pero isto vén a conto de outra cousa:

Pode un rapaz escapar dos ambientes seitarios da arte e convertirse nun artista a ollos de moita xente? Pois parece que un rapaz pode escapar dos ambientes seitarios da arte e convertirse nun artista a ollos de moita xente. Dan Lacey non ten unha habilidade excepcional para pintar cousas, pero o que si ten é capacidade de comunicación, eu incluso diría que contrariamente ao que se ve todos os días en museos e subastas, polo menos, intenta comunicarse. Aquí entra internetes, e ademáis en dúas vías: internetes é unha banda, o modelo, a inspiración, a fonte, e por outra, a forma de darlle difusión e saída, co cal é un negocio aparentemente viable (o propio Lacey afirma que el disfruta pintando filloas sobre cousas e debuxando ratos con actitudes pornográficas, pero tampouco se corta en dicir que busca os cartos, e que por iso se fixa na actualidade e nos memes). O pintor interactúa coa xente: se un vídeo dun esquío dramático é dos máis vistos no Youtube e crea moito contido a partir del, pois Lacey faille unha homenaxe ao esquío; os propios internautas rin coa gracia e queren adquirir o produto. Negocio feito, círculo pechado. E a proba de que é o modelo perfecto é que é totalmente independente.

O ditador 'Miau' segundo Lacey.

Para acabar ben, dicir que só é un caso entre outros: Jeremiah Palecek tamén pinta baseándose no mundo dixital, concretamente videoxogos, televisión e filme. Ten unha factura quizais máis interesante e este é  o seu blogue, no cal un non perde nada ao perderse nel.

Super Mario en 8 bits, de Jeremiah Palecek.

A web que debería salvar os bens do país

Martes, Marzo 10th, 2009

E ben que digo debería, porque patrimonio.org é o derradeiro testemuño que nos deixa a Consellería de Cultura e Deporte antes de que chegue o dono da Feijoneta e tire con todo abaixo; se aínda foran espelidos deberan ver que é un traballo moi bo e convén/convenlles mantelo en pé.

O que é Patrimonio.org? Pois como se presentan eles mesmos: a plataforma que reúne os recursos na Rede sobre patrimonio cultural galego. A web conta con información práctica e de actualidade, fotos, vídeos, lexislación, rutas e un buscador de elementos patrimoniais.”

Castro de San Cibrao de Las

A panacea. Porque como usuario podo acceder á catalogación dun número de bens que -esperemos- aumentará segundo se estabilice a páxina, coñecendo de cada un deles os seus valores históricos e artísticos, graos de protección e outros detalles. Todo dende unha ficha moi ben coidada esteticamente que se complementa con fotografías e unha localización no plano (Google Maps). Esta situación xeográfica é do máis útil que ao meu parecer pode ofrecer este invento, simplemente porque facilita o acceso aos bens, que se ben moitos deles son doados de atopar -caso das grandes cidades ou enclaves significativos coma o mosteiro de Armenteira ou os petróglifos de Campolameiro– hai outros que non están tan ben “comunicados” -por exemplo esta ponte de Bibei-; neste sentido vai a miña grande esperanza deste proxecto, como divulgador dos tesouros do noso país que non son tan coñecidos ou visitados.

Ademáis das fichas, o outro compoñente da web que máis chama a atención é a sección de rutas: propostas de diferentes percorridos por varias comarcas galegas para coñecer o máis significativo do seu patrimonio. Por exemplo: temos o percorrido “Do Deza ao Ulla“, que nos vai indicando dende a saída en Silleda, o camiño a seguir para topar con San Pedro de Ansemil, San Lourenzo de Carboeiro, o Pazo de Oca, e entre 1-3 paradas máis. Ademáis, estas rutas pódense descargar dende a web en formato *.pdf, ou para o GPS. O resultado que temos é un roteiro cultural que podemos preparar dende as nosas casas, complementándoo con outra información que atopamos na propia páxina, para un día de lecer cos amigos polo país adiante.

Ademáis, en patrimonio.org:

·Envío das imaxes da web coma se foran postais.

·Un buscador que permite localizar os elementos do noso patrimonio cultural atendendo a criterios diversos: área xeográfica, comarca e concello no que se atopan, tipo de ben, datación, estilo ou grao de protección.

·Unha sección de novas da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, así como unha axenda de actividades, e os avisos e convocatorias relacionadas co patrimonio cultural.

·Consulta da lexislación galega sobre patrimonio.

·Un apartado didáctico para escolares, que inclúe unidades de aprendizaxe para todos os niveis educativos, que son descargables da páxina, o que pode servir aos mestres para usalos nas súas actividades.

·Un formulario de contacto para a participación cidadá  e a denuncia para informar sobre accións contra o patrimonio.

O único malo que lle vexo é primeiro, a escaseza de patrimonio que leva catalogado -122 bens- que debería ser esaxeradamente maior, e segundo, que a sindicación RSS ás novas e avisos non funciona (ou polo menos eu non consigo suscribirme dende Google Reader) Solucionado!. Tanto unha coma outra cousa agardo que se amañen axiña.

Pódeseme culpar sen medo de facerlle publicidade descarada á páxina, pero non está de máis demostrar as cousas que entusiasman a un. É de todos sabido que o coñecemento e divulgación do patrimonio cultural neste país é un asunto que temos pendente, pero aquí temos esta ferramenta, a última bala da consellería do BNG, que debe erixirse como punto de referencia na rede para remediar ese mal. A boa xestión do noso patrimonio é un paso intermedio obrigado para a correcta conservación de todo o que herdamos do pasado e que nos marca como pobo.

Sigo a fedellar…