Archive for the ‘País’ Category

Aprende algo cada día

Luns, Novembro 9th, 2009

Tanto me gustou a filosofía da páxina Learn Something Every Day que descubrín nunha anotación de Zezinho, que tiven que probar a facer a miña propia aportación:

A vaca é a pinta de Blogaliza, feita a través da miña pobre man , e a cita vista no Chuza!

Apuntes de toxos

Luns, Outubro 19th, 2009

Cousa que non sabía, cousa que poño. O toxo, ese silencioso símbolo deste país, omnipresente en todas as comarcas, resulta que non invadiu a nosa terra ante a nosa indiferencia. O toxo era un arbusto existente mais non precisamente común de todo, e foron os propios labregos galegos os que o cultivaron sistematicamente nos montes.

O motivo é puramente agrícola: o solo galego é moi acedo, ten un PH alto de máis para as prantas e cultivos así que hai que neutralizar este problema, problema que os labregos solucionaron a través do uso de algas (pouco, só na costa), cal (menos aínda) e esterco (estercar estercábase e estércase por todo o país, e aínda esterco eu nesta Estercolaria). Aquí, co esterco, é cando xoga o toxo, os labregos cultivan os montes (contra o que poida parecer, antes do século XX os montes estaban totalmente aproveitados) con estes arbustos para logo rozalos, levalo ás cortes e cos excrementos do gando argallar o esterco que será o que multiplique a produtividade das terras.

Por cada hectárea de labradío, unha familia labrega dispoñía de entre 2 a 5 hectáreas de monte só para o toxo.

Como non, sempre presente no deseño do país.

Un pequeno resumo de como actúa o toxo sería dicir que é unha leguminosa que posúe cantidades de nitróxeno e que axuda a fixalo no chan, e iso é cousa fina para o PH. Para máis datos botánicos dos que non sei moito, a botarlle un ollo á Galipedia e a Novos Medios.

E remato con orgullo este post autoferente (polo de Reidotoxo e polo de Estercolaria) do arbusto que se encargaba de manter as leiras galegas ben esplendorosas, polo menos antes da chegada dos fertilizantes químicos no séc. XX, recordando que os toxos encárganse de repoboar con velocidade pasmosa os terreos queimados pola culpa en parte dos eucaliptos, e que por se fora pouco defenden a nosa honra viaxando e conquistando entre outros lugares Australia, onde é considerado unha praga.

A web que debería salvar os bens do país

Martes, Marzo 10th, 2009

E ben que digo debería, porque patrimonio.org é o derradeiro testemuño que nos deixa a Consellería de Cultura e Deporte antes de que chegue o dono da Feijoneta e tire con todo abaixo; se aínda foran espelidos deberan ver que é un traballo moi bo e convén/convenlles mantelo en pé.

O que é Patrimonio.org? Pois como se presentan eles mesmos: a plataforma que reúne os recursos na Rede sobre patrimonio cultural galego. A web conta con información práctica e de actualidade, fotos, vídeos, lexislación, rutas e un buscador de elementos patrimoniais.”

Castro de San Cibrao de Las

A panacea. Porque como usuario podo acceder á catalogación dun número de bens que -esperemos- aumentará segundo se estabilice a páxina, coñecendo de cada un deles os seus valores históricos e artísticos, graos de protección e outros detalles. Todo dende unha ficha moi ben coidada esteticamente que se complementa con fotografías e unha localización no plano (Google Maps). Esta situación xeográfica é do máis útil que ao meu parecer pode ofrecer este invento, simplemente porque facilita o acceso aos bens, que se ben moitos deles son doados de atopar -caso das grandes cidades ou enclaves significativos coma o mosteiro de Armenteira ou os petróglifos de Campolameiro– hai outros que non están tan ben “comunicados” -por exemplo esta ponte de Bibei-; neste sentido vai a miña grande esperanza deste proxecto, como divulgador dos tesouros do noso país que non son tan coñecidos ou visitados.

Ademáis das fichas, o outro compoñente da web que máis chama a atención é a sección de rutas: propostas de diferentes percorridos por varias comarcas galegas para coñecer o máis significativo do seu patrimonio. Por exemplo: temos o percorrido “Do Deza ao Ulla“, que nos vai indicando dende a saída en Silleda, o camiño a seguir para topar con San Pedro de Ansemil, San Lourenzo de Carboeiro, o Pazo de Oca, e entre 1-3 paradas máis. Ademáis, estas rutas pódense descargar dende a web en formato *.pdf, ou para o GPS. O resultado que temos é un roteiro cultural que podemos preparar dende as nosas casas, complementándoo con outra información que atopamos na propia páxina, para un día de lecer cos amigos polo país adiante.

Ademáis, en patrimonio.org:

·Envío das imaxes da web coma se foran postais.

·Un buscador que permite localizar os elementos do noso patrimonio cultural atendendo a criterios diversos: área xeográfica, comarca e concello no que se atopan, tipo de ben, datación, estilo ou grao de protección.

·Unha sección de novas da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, así como unha axenda de actividades, e os avisos e convocatorias relacionadas co patrimonio cultural.

·Consulta da lexislación galega sobre patrimonio.

·Un apartado didáctico para escolares, que inclúe unidades de aprendizaxe para todos os niveis educativos, que son descargables da páxina, o que pode servir aos mestres para usalos nas súas actividades.

·Un formulario de contacto para a participación cidadá  e a denuncia para informar sobre accións contra o patrimonio.

O único malo que lle vexo é primeiro, a escaseza de patrimonio que leva catalogado -122 bens- que debería ser esaxeradamente maior, e segundo, que a sindicación RSS ás novas e avisos non funciona (ou polo menos eu non consigo suscribirme dende Google Reader) Solucionado!. Tanto unha coma outra cousa agardo que se amañen axiña.

Pódeseme culpar sen medo de facerlle publicidade descarada á páxina, pero non está de máis demostrar as cousas que entusiasman a un. É de todos sabido que o coñecemento e divulgación do patrimonio cultural neste país é un asunto que temos pendente, pero aquí temos esta ferramenta, a última bala da consellería do BNG, que debe erixirse como punto de referencia na rede para remediar ese mal. A boa xestión do noso patrimonio é un paso intermedio obrigado para a correcta conservación de todo o que herdamos do pasado e que nos marca como pobo.

Sigo a fedellar…