Archive for the ‘Ciencia’ Category

Apuntes de toxos

Luns, Outubro 19th, 2009

Cousa que non sabía, cousa que poño. O toxo, ese silencioso símbolo deste país, omnipresente en todas as comarcas, resulta que non invadiu a nosa terra ante a nosa indiferencia. O toxo era un arbusto existente mais non precisamente común de todo, e foron os propios labregos galegos os que o cultivaron sistematicamente nos montes.

O motivo é puramente agrícola: o solo galego é moi acedo, ten un PH alto de máis para as prantas e cultivos así que hai que neutralizar este problema, problema que os labregos solucionaron a través do uso de algas (pouco, só na costa), cal (menos aínda) e esterco (estercar estercábase e estércase por todo o país, e aínda esterco eu nesta Estercolaria). Aquí, co esterco, é cando xoga o toxo, os labregos cultivan os montes (contra o que poida parecer, antes do século XX os montes estaban totalmente aproveitados) con estes arbustos para logo rozalos, levalo ás cortes e cos excrementos do gando argallar o esterco que será o que multiplique a produtividade das terras.

Por cada hectárea de labradío, unha familia labrega dispoñía de entre 2 a 5 hectáreas de monte só para o toxo.

Como non, sempre presente no deseño do país.

Un pequeno resumo de como actúa o toxo sería dicir que é unha leguminosa que posúe cantidades de nitróxeno e que axuda a fixalo no chan, e iso é cousa fina para o PH. Para máis datos botánicos dos que non sei moito, a botarlle un ollo á Galipedia e a Novos Medios.

E remato con orgullo este post autoferente (polo de Reidotoxo e polo de Estercolaria) do arbusto que se encargaba de manter as leiras galegas ben esplendorosas, polo menos antes da chegada dos fertilizantes químicos no séc. XX, recordando que os toxos encárganse de repoboar con velocidade pasmosa os terreos queimados pola culpa en parte dos eucaliptos, e que por se fora pouco defenden a nosa honra viaxando e conquistando entre outros lugares Australia, onde é considerado unha praga.

Laika e o gato de Schrödinger

Luns, Abril 28th, 2008

Laika: primeiro ser vivo en orbitar a Terra, a bordo do Sputnik 2 o 3 de novembro de 1957. Laika morreu ás 7 horas do lanzamento da nave, polo estrés da misión e un sobrequecemento da cápsula que habitaba. Laika era unha cadela sen fogar das invernais rúas de Moscova, acollida pola axencia espacial soviética e sometida a un durísimo adestramento para acostumala ao entorno que atoparía na viaxe: espazo reducido da cápsula, ruídos, vibracións e aceleracións, o mesmo adestramento que logo realizarán os cosmonautas soviéticos. Por capricho do líder soviético Nikita Jrushchov, o Sputnik 2 foi deseñado e construído ás présas, o que provocará un fallo no sistema de refrixeración da nave. As constantes vitais de Laika seguíanse dende a terra: logo do despegue, as súas constantes vitais superaban catro veces o normal, sen embargo, Laika, no seu propio traxe espacial, comportábase; unha sección da nave que debía desprenderse non o fixo, o que provocou un descontrol térmico, Laika, aínda que axitada, mesmo inxería alimentos, e entre cinco e sete horas dende o despegue, as constantes vitais de Laika deixaron de recibirse.

A morte de Laika propiciou un avance considerable nas misións tripuladas, sen Laika non existiría Iuri Gagarin, primeiro home en órbita, e á súa vez creou unha controversia inxente que induciu aos discursos sobre a defensa dos tratos aos animais: logo de Laika, ningún ser vivo foi mandado ao espazo sen un sistema seguro do seu regreso á terra. Laika agora é honrada con sellos en diversos países, un lugar para ela no “Monumento a los Conquistadores del Espacio” (1964), en Moscova e cancións adicadas de grupos coma The Arcade Fire ou The Cardigans.

O gato de Schrödinger: o gato de Schrödinger é só unha experiencia mental, un exemplo ilustrativo que busca demostrar a incompletitude da teoría da mecánica cuántica ao pasar do nivel subatómico ao macroscópico: supón un gato atrapado nunha caixa pechada sen saída ou contacto exterior ningún, no cal hai un 50% de posibilidades de que un núcleo radioactivo se desintegre e emita unha partícula que romperá un frasco de veleno, matando ao animal. O paradoxo é que non podemos coñecer se o gato está vivo ou morto mentres non abramos a caixa, así que dende as regras da mecánica cuántica, o gato está vivo e morto a un mesmo tempo. A interpretación disto é que precisamos dunha observación externa ao proceso para coñecer o estado do interior da caixa, e mentres non a teñamos, o sistema é unha superposición de estados, neste caso, co gato de Schrödinger vivo e morto.

Este paradoxo resulta todo un fito na recente historia (pouco máis dun século) da mecánica cuántica, e no ámbito deGato de Schrödinger internet derivou en varios recoñecementos do gato de Schrödinger, sometido a unha confusión vital por obra e gracia da física cuántica, sabedor que está vivo e morto sincronicamente. A nivel filosófico tamén é un tema de controversia, e ata Stephen Hawking afirmou sobre isto: “cada vez que escoito falar dese gato, saco a miña pistola“.

Laika e o gato de Schrödinger son dúas vítimas brutais dos experimentos da ciencia, e sen embargo supuxeron un gran paso nos seus respectivos campos de traballo. Se ben Laika sufriu danos físicos, o caso do gato de Schrödinger, aínda sen existir realmente, déixame moito máis intranquilo, pois somete a un (presuposto) ser vivo a un nivel tan alto de confusión intelectual e existencial que pode tolear a un; incluso o feito de que o gato sexa só un exemplo, leva a imaxinar a sustitución do animal por calquera de nós, o cal produce un estrés de catro pares de narices: “estou vivo? estou morto? si, bueno, eu creo que si, pero fóra da caixa? estou vivo e morto? estou vivo fóra aínda que estea morto dentro?” blablabla… parrafadas inconcluíntes e inservibles.

Por certo, non teño nin idea de mecánica cuántica nin da historia aeroespacial da época soviética.