Archive for the ‘Autobombo’ Category

Yonkis do folk

Sábado, Marzo 27th, 2010

Unha camisola adicada a todos eses coñecidos que gastan zapatos como quen fuma un pito, de tanto bailar nas foliadas ás que van, que son todas as que poden.

As siluetas xa estaban vectorizadas na rede, a gaita saíu dun libro, e a tipografía é a Milocha de Zezinho, que queda caralluda. O deseño en *.png e en *.svg.

Actualización 04/05/10: sustituín a figura central por unha rapaza cun bombo e subín algo as letras, de paso cambiei o modelo a rapaza e de cor, para que haxa variante. O antigo aquí, en *.png e en *.svg

Aprende algo cada día

Luns, Novembro 9th, 2009

Tanto me gustou a filosofía da páxina Learn Something Every Day que descubrín nunha anotación de Zezinho, que tiven que probar a facer a miña propia aportación:

A vaca é a pinta de Blogaliza, feita a través da miña pobre man , e a cita vista no Chuza!

Apuntes de toxos

Luns, Outubro 19th, 2009

Cousa que non sabía, cousa que poño. O toxo, ese silencioso símbolo deste país, omnipresente en todas as comarcas, resulta que non invadiu a nosa terra ante a nosa indiferencia. O toxo era un arbusto existente mais non precisamente común de todo, e foron os propios labregos galegos os que o cultivaron sistematicamente nos montes.

O motivo é puramente agrícola: o solo galego é moi acedo, ten un PH alto de máis para as prantas e cultivos así que hai que neutralizar este problema, problema que os labregos solucionaron a través do uso de algas (pouco, só na costa), cal (menos aínda) e esterco (estercar estercábase e estércase por todo o país, e aínda esterco eu nesta Estercolaria). Aquí, co esterco, é cando xoga o toxo, os labregos cultivan os montes (contra o que poida parecer, antes do século XX os montes estaban totalmente aproveitados) con estes arbustos para logo rozalos, levalo ás cortes e cos excrementos do gando argallar o esterco que será o que multiplique a produtividade das terras.

Por cada hectárea de labradío, unha familia labrega dispoñía de entre 2 a 5 hectáreas de monte só para o toxo.

Como non, sempre presente no deseño do país.

Un pequeno resumo de como actúa o toxo sería dicir que é unha leguminosa que posúe cantidades de nitróxeno e que axuda a fixalo no chan, e iso é cousa fina para o PH. Para máis datos botánicos dos que non sei moito, a botarlle un ollo á Galipedia e a Novos Medios.

E remato con orgullo este post autoferente (polo de Reidotoxo e polo de Estercolaria) do arbusto que se encargaba de manter as leiras galegas ben esplendorosas, polo menos antes da chegada dos fertilizantes químicos no séc. XX, recordando que os toxos encárganse de repoboar con velocidade pasmosa os terreos queimados pola culpa en parte dos eucaliptos, e que por se fora pouco defenden a nosa honra viaxando e conquistando entre outros lugares Australia, onde é considerado unha praga.