Archive for the ‘Audiovisual’ Category

Xurado twitteiro do Cineuropa

Luns, Decembro 7th, 2009

Esta lista é o que sae de xuntar todos os tweets baixo o tag cineuropa que se ían poñendo durante o festival. Saen por aquí Tawil, ifrit, carapucha, dani_elo máis un servidor. A nota media á dereita. Nótese como varía respecto á votación oficial do Cineuropa.

Cineuropa 15/160

Luns, Novembro 2nd, 2009

Basicamente trátase de facer un exercicio de escoller 15 filmes que me parezan salientables do festival Cineuropa deste ano e que teña pensado ir ver. Probablemente esta anotación perda todo sentido unha vez pasado o festival, cando queda claro que os filmes destacables moitas veces saen dos descoñecidos. Ou non, xa se verá.

Indo por partes e comezando pola máis importante, a Sección Oficial:

Kynodontas

Das Weisse Band – Michael Haneke (Austria): porque gañou a Palme d’Or do festival de Cannes. Punto.

Kynodontas G. Lanthimos (Grecia): porque saíu ben parada de Cannes. Pero máis porque din dela que é un filme con argumento un tanto estraño, cun pai que enclaustra aos fillos na casa sen contacto exterior, e que resolve dun xeito algo problemático o tema do espertar sexual adolescente. Catro palabras: sexo, criada, Rocky, incesto.

Aquele Querido Mês de Agosto – Miguel Gomes (Portugal): só polo ben que fala Pawley dela.

Tres Díes Amb la FamíliaMar Coll (Catalunya): porque é unha da sección Novísimos dentro da oficial, porque é un relato de costumes e porque sempre está ben descubrir a unha directora cando comeza. Ademáis ten boa crítica, vaia iso por diante.

Elevator – G. Dorobantu, e Pescuit SportivAdrian Sitaru (Romanía): por situación, neste ano no que non hai presenza de cinema italiano nin escandinavo (salvando unha norueguesa) algo haberá que preocuparse polo cinema emerxente europeu sen ser UK e Francia, e aquí está Romanía, que nestes tempos está facendo cousas moi boas, filmes dos que se fala bastante e moito. Estas dúas pezas veñen avaladas con premios polos catro costados.

Na sección Panorama Internacional, 3 filmiños:

Mal Día para PescarÁlvaro Brechner (Uruguai): dous buscavidas e cambios bruscos no relato dos acontecementos. Comedia e drama. Ninguén fala mal dela, e vén de Uruguai, que é un sitio que trouxo cousas boas ao Cineuropa, sempre cun presuposto baixiño, o que sube o mérito.

Frozen River – Courtney Hunt (USA): desta falo con coñecemento, que xa a teño visto. Do bo que podes esperar da escea independente americana, conflito familiar, tensión e problemática social, ben contado e ben tratado, a protagonista ten un papelón. Ademáis vén avalada polo festival de Sundance, así que ten xustificación abonda.

50 Dead Man WalkingKari Skogland (UK): porque os filmes que tratan os conflitos políticos de Irlanda, por defecto son todos ben feitos, cousa que non se ve aquí coa Guerra Civil, que temos filmes a patadas que son cartos gastados. Logo dos puntos de vista de Michael Collins, En el Nombre del Padre, Bloody Sunday ou Omagh, aquí dase vida á biografía de Martin McGartland, un confidente británico que cumple a súa función ata que finalmente pasa a vida agochado fuxindo do IRA, que descubre a súa identidade.

Da sección Mundo Asia, a que mellores xoias me ten presentado:

Ddongpari (Breathless) – Yang Ik-June (Corea do Sul): un drama, unha historia da violencia. Un gángster criado en pura violencia reacciona agresivamente á sociedade que o rodea. Logo aparece unha rapaza que ten a brutalidade da súa familia gravada tamén nas costas e que é quen de entenderse co prota. E finalmente o irmán da rapaza entra no grupo mafioso do primeiro, e temos armado o filme. Non teño nada máis desta peza se non é por un palmarés amplo de festivais, pero eu espero atopar algo semellante e Chan-wook Park (Old-Boy, Sympathy for Lady Vengeance).

Tôkyô SonataKiyoshi Kurosawa (Xapón): un retrato de familia. O pai perde o traballo e ocúltao, o fillo maior apenas pisa a casa, o menor toma clases de piano ás agochadas -e dáselle ben-, e a nai non sabe como tirar para adiante. Os medios os xustos e o ensinado o necesario. O Claro de Luna de Debussy, o clímax.

A Love ExposureSion Sono (Xapón): algo ten que ter unha comedia cun argumento aparentemente xuvenil e cunha duración de 237 minutos (cousa que normalmente é un punto en contra a non ser que te chames Bergman e fagas Fanny & Alexander) para que teña tal número de boas críticas coma as que lin desta peza. En proporción, demasiadas, intrígame de veras.

Das outras seccións só recollo un filme da Conexión Buenos Aires, outro do ciclo de Takeshi Kitano e outro da Fantastique:

Synecdoche, New York – Charlie Kaufman (USA): o prota fai unha réplica de NYC a tamaño real nun almacén, ten que se un tipo curioso. Teatro. E se nas descricións que fan do filme inclúen referencia a Escher, queda todo dito.

Achilles to kame (Aquiles e a tartaruga) – Takeshi Kitano (Xapón): eternamente coñecido por ser o director de Humor Amarillo, Kitano é un xenio polifacético infravalorado no seu Xapón e non cansa de representalo nos seus filmes. Aquí: témolo nos ollo dun artista mediocre que nos ensina as glorias, absurcedes, frivolidades e mentiras do mundo da arte. A moralexa reafirmada dende o comezo é que cada un ten que persistir no que lle gusta, aínda que non sexa aclamado polos entendidos.

La NanaSebastián Silva (Chile) – filme gañador do premio do xurado World Cinema do festival de Sundance. Punto.

Esta lista de 15/160 non ten que coincidir -raro que o fixera- coa de ninguén, é a miña forma de deixar constancia do que penso antes do festival para logo comentar o que penso despois do festival e observar cambios. Cambios que espero que haxa, porque senón sería unha perda de tempo asistir ao Cineuropa. E a escudriñar o programa, que ha de haber algunhas incompatibilidades horarias, e moi probablemente deixe de ver algunhas destas -a priori-. Máis cousas: o ciclo adicado aos Beatles ten tamén moi boa pinta, pero non o considerei aquí, por non ser filmes actuais; tampouco a Noite Crebinsky ou o Concerto da sala Capitol: quedan como complementos xeitosos. Sobre todo: os dous filmes adicados a Ryuichi Sakamoto, un home que che cambia un filme só coa súa música. E a maratón, polos filmes que poñen este ano, extrapolo que o tema é o terror, pero con matices, que aí vai estar Antichrist de Lars von Trier ou un filme que choca só polo título: Lesbian Vampire Killers.

Vémonos nas salas.

Anecdótica

Xoves, Maio 14th, 2009

Teño que apuntar para non esquecer, e faise moi longo para explicalo no twitter. Cine, España, últimos anos do franquismo, período 1969-1973 cun xiro do réxime a un ultraconservadurismo que se aplica á censura no cinema, esténdense as ‘dobles versións’ (dúas versións dun mesmo filme, un enteiro e outro censurando todo o impúdico e o que atente aos valores da Nación, a versión censurada era para consumo interior, e a outra para exhibir no estranxeiro). Ata aí o contexto.

Pois é aquí que hai, no 1971, un filme de Rafael Moreno Alba chamado Las Melancólicas, un filme non precisamente de calidade que vai dun psiquiátrico femenino no séc. XIX. Conflito: na rodaxe hai espidos. Bastantes. Que fan no departamento estatal de cinema? Pois facer a doble versión: un filme cos espidos para mandar a USA, Canadá e Francia, e outro con todos os espidos desaparecidos (coma a pitada ao himno de España na TVE na final da Copa de El-Rey).

Agora: a desaparecida compostelana Sala Yago adquire unha copia do filme para a súa exhibición, poñamos que un 15 de maio, por exemplo. Todo normal.

Poñamos que o réxime, na súa torpeza, envía a varias salas do estado as copias non censuradas de Las Melancólicas. Entre elas a Sala Yago. Os asistentes, a pesar de ser o filme un pedrolo, quedan incriblemente satisfeitos coa proxección (recordemos que nesta época e nesta parte do mundo non se ensinaba máis alá do xeonllo: ver a varias tolas espidas e meneándose freneticamente era… cando menos impresionante).

Se a estrea foi o 15, o día 17 vai ao cine toda a comarca de Compostela e arredores. En masa. Ala.

O día 18 flétanse autobuses dende toda GZ para ir á Sala Yago de Compostela ver o filme.

En días consecutivos comeza a vir xente de Zamora, Asturias (máis alá do telón de grelos, vaia). Os xornais fanse eco de que Compostela sofre unha chegada de ‘pelegríns’ de proporcións históricas, ateigando a cidade. Todo por tetas.

E ata aí o conto. Non sei máis, hei mirar de informarme. Se algún de vós, picheleiro, ten entre 50-60 anos e se enterou de tal cousa, ou de fóra, ou coñece alguén, que me avise, que quero saber máis disto.